Enero de 2016 Juan Durán
SAMHAIN, CD do vibrafonista Antonio Agra. Free Code, jazzrecords.
As paisaxes sonoras de Antonio Agra
“Alguna noche de vino y hierbas fumables, con The Soft Machine o John Coltrane afelpando el aire de reconciliación y contacto, lean en voz alta los poemas de Salinas, dibujen en un oído cegado por la tinta de imprenta ese árbol de poesía que Rilke sintió en el canto de Orfeo. No sé la mejor manera de pagar una larga deuda y recibir a la vez mucho más, infinitamente mucho más de lo que damos". Esta cita de Julio Cortázar, mil veces repetida e que tanto me revolve os adentros dende hai xa tantos anos, véuseme á cabeza, como sempre me ocurre ante certo tipo de música, escoitando este Samhain de Antonio Agra. E, como Cortázar, síntome debedor deste agasallo para os ouvidos e para as emocións que aquí Antonio nos ofrece en forma de nove pezas para vibráfono so.
A segunda imaxe que cruza a miña mente, logo de escoitar esta selecta escolma de obras, é a poética. Esa poética que para Stravinsky é un “facer da orde”. Ordear o caos: iso fai o bo músico fronte á inagotable fonte de sons que constitúe a súa persoal paisaxe sonora á vez que o converte nun fluxo de emocións que nos posúen. Isto é o que consegue Antonio Agra con Samhain: transforma a súa proposta de nove formas sonoras en algo que podemos traducir en emocións. Velaí a verdadeira arte da interpretación musical.
Antonio Agra é un artista integral, tan inquieto pola súa permanente formación instrumentística como apaixoado degustador de todo tipo de músicas. Estas nove mostras da súa persoal selección así o testemuñan. Son pezas ben escollidas que dan resposta ao seu exquisito ideario estético. Son, pois, nove “xoiñas” que teñen o sabor da boa música e que se visten cos sedutores e íntimos sons do vibráfono: axeitado soporte sonoro para esta selección. Son, en suma, pezas fronteirizas entre un impresionismo sempre latente e ese regusto polo jazz de sempre, que é frescura e intensidade constante.
O perfeccionismo técnico levado ao extremo, o rigor interpretativo, a coidada execución das obras son calidades que é de xustiza sinalar e que agroman nesta gravación converténdoa nun valor seguro. Non en van, Antonio Agra é debedor de importantes experiencias que deixaron unha fonda pegada no seu facer profesional. Cando Antonio fala, por exemplo, do grande Mike Mainieri, de quen recibiu enseñanzas en NY, ilumínanselle os ollos, consciente de ter estudado cos máis grandes, como tamén Mark Sherman, profesor da célebre Julliard, de quen aínda está a recibir clases. Pero é que Antonio xa non é un neno e ao longo destes corenta anos adicados tanto ao estudo como a desenvolverse profesionalmente como intérprete tivo ocasión de traballar coas principais orquestras sinfónicas galegas; residiu en Holanda para traballar os timbais sinfónicos con Nick Woud, percusionista da Royal Contcertgebouw Orchestra; pasou tempadas por Boston, Filadelfia e NY co obxecto de afondar na técnica do jazz e tivo o pracer de estrear en Galicia, no Pazo da Ópera, xunto á BMC, o Concierto para Marimba de Alfred Reed.
Entre Over the rainbow e Available in blue, entre Walz for Debby e Tea for two, por citar algunhas, hai un abismo de ductilidades sonoras, un océano de emocións fondas e contidas. Finalmente, a gravación, mimada por Antonio no seu propio estudo, ofrece unha toma sonora transparente, próxima e sen artificios. Só resta gozar este Samhain como se paladean as boas paisaxes sonoras, “afelpando el aire de reconciliación y contacto”, xunto aos versos dun Salinas ou á poética tan viva como intensa do benquerido Cortázar.
Juan Duran, compositor.