A estrea na Coruña da ópera O arame, con música de Juan Durán e libreto baseado nun relato do mesmo título de Manuel Lourenzo, constituíu, sen dúbida, un dos máis importantes acontecementos culturais dos celebrados en Galicia nos últimos anos. E non só ¬-no que lle atinxe ao xénero operístico- polo feito de estarmos diante da segunda ópera galega de todos os tempos -a primeira foi O mariscal, con música de Rodríguez Losada e libreto de Ramón Cabanillas- senón porque con esta creación musical o compositor coruñés convértese definitivamente nunha das grandes referencias da música e da cultura contemporáneas. O noso país -non moi dado, todo hai que dicilo, ao recoñecemento da música culta propia- conta na actualidade con nomes de primeira liña no eido da composición; e velaí, formando parte da xeración de Durán, os nomes de Paulino Pereiro e de Juan Vara, dous creadores de altísimo valor nas horas que vivimos. No caso do autor musical da ópera O arame -con excelente interpretación de Carmen Durán (soprano) e Javier Franco (barítono), ademais dos bailaríns Catarina Varela e Alexis Fernández-, hai que lle agradecer a súa entrega ao feito compositivo mantendo en todo momento unha alta esixencia artística posta ao servizo da comunicación co público. Hai na obra musical de Juan Durán, tantas veces tinxida por unha sorte de iluminación lírica, unha clara vontade de sedución, unha certa "forma" orientada á voluptuosidade -aínda na tonalidade "menor"-, e isto faime lembrar o pensamento daquel excelente pintor que foi Delacroix, amigo de Chopin, Schubert e Liszt: "A música é a voluptuosidade da imaxinación". Porque, ademais, na obra de Durán vibran as cordas do que Copland -autor, por certo, dun libro titulado Música e imaxinación- quería para a música: un "tratamento imaxinativo", algo do que o compositor coruñés fai gala na ópera O arame, un dos grandes fitos da música galega actual, unha creación que oxalá contribúa a espertar de vez o compromiso coa música culta dos responsábeis culturais.